Que precisamos

Para poñer a andar NUMAX, precisamos un préstamo de 300.000 euros que Coop57 nos facilitaría nas seguintes condicións:

—Importe: 300.000 euros.
—Prazo de amortización: 7 anos co primeiro ano de carencia.
—Tipo de xuro: 6,50% sen outras comisións.

Este diñeiro irá destinado na súa totalidade á realización da obra civil e á adquisición e instalación do equipamento do cinema, da libraría e do laboratorio. Non cubre os nosos salarios, que para o primeiro ano de funcionamento están fixados en 932,48 euros netos ao mes e serán o froito do noso traballo, como podedes supoñer.

Coop57 só aproba proxectos con interese social e economicamente viábeis, e isto reflíctese nun índice de devolución do 98,02% sobre os 867 préstamos que realizou entre 2009 e 2013 en todo o Estado. No caso de Coop57-Galiza, nas 33 operacións de crédito realizadas no mesmo período o índice de devolución foi do 100%.

O crédito executarase logo de acadarmos un aval mancomunado polo 100% do seu importe total. Este tipo de aval diferénciase dos avais bancarios no seguinte:

Permite: 1) Demostrar o grao de respaldo das socias da entidade solicitante ao proxecto a financiar; 2) Demostrar o grao de implicación co tecido social e a comunidade na que se insire por parte da solicitante; 3) Partillar e minimizar o risco da operación de financiamento entre a solicitante e Coop57, grazas a unha distribución do importe total entre o maior número de avalistas.