A entidade financeira
Que é COOP57?
COOP57 é unha cooperativa de servizos financeiros creada polos traballadores da editorial Bruguera en 1996 coas indemnizacións que cobraron despois de gañar o xuízo por despido. Finánciase coas achegas dos seus socios e as contribucións e intereses sobre a devolución dos préstamos que concede, sen ningún tipo de comisión engadida.
O seu obxectivo é financiar proxectos de economía social que promovan a ocupación, fomenten o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade, así como a sustentabilidade baseada en diversos principios éticos. Os proxectos que reciben o apoio de COOP57 deben satisfacer, como mínimo, as seguintes condicións:
— Ter unha finalidade, en sentido amplo, de interese social.
— Estar enraizados no territorio.
— Colaborar na construción dunha sociedade máis solidaria.
— Funcionar con criterios de autonomía e xestión democrática.
— Crear postos de traballo estábeis.
— Repartir os excedentes en función do traballo aportado.
— Dispoñer dun proxecto economicamente viábel.
— Demostrar abonda solvencia para devolver o préstamo solicitado.
Podedes ampliar a información sobre COOP57 en www.coop57.com
Por que escollestes COOP57 para financiar o voso proxecto?
En primeiro lugar, entendemos que NUMAX, S. COOP. GALEGA encaixa, por principios e modelo de traballo, cos proxectos apoiados por COOP57, e cremos por tanto que é a ferramenta ideal para financiarnos evitando as entidades bancarias tradicionais.
En segundo lugar, os préstamos concedidos por COOP57 están baseados nun exhaustivo estudo da viabilidade de cada proxecto, de maneira que poidan garantir o seu éxito e a continuidade de COOP57 como entidade financeira. Existe, xa que logo, un interese compartido en que cada cooperativa poida levar a bo porto os seus obxectivos. Isto reflíctese nun índice de devolución do 98’02% sobre os 867 préstamos que realizou entre 2009 e 2013 en todo o Estado. No caso de COOP57-Galiza, nas 33 operacións de crédito realizadas no mesmo período o índice de devolución foi do 100%.
Finalmente, a 26 de xuño de 2014 fomos admitidos como socios de servizos en COOP57, o que nos permite participar das asembleas da entidade e coñecer de primeira man o estado e uso da nosa débeda, o destino dos cartos xerados polos intereses do noso crédito ou mesmo procurar asesoramento técnico sobre a contabilidade en caso de precisármolo. Como socios da entidade que nos financia, facemos parte do mesmo proxecto e procuramos axuda mutuamente.
Que condicións estabelece COOP57 para a devolución do préstamo?
O préstamo solicitado a COOP57 contempla un prazo de amortización de 7 anos, co primeiro ano de carencia, o que quere dicir que empezaremos a devolvelo a partir do primeiro ano de funcionamento. Os intereses son dun 6’50%, sen outros gastos nin comisións engadidas.
A canto ascende o crédito solicitado a COOP57?
Solicitamos 300.000€ destinados na súa totalidade á realización da obra civil e á adquisición e instalación do equipamento do cinema, da libraría e do laboratorio.
Os avais
En que consiste un aval mancomunado?
COOP57 pide determinadas garantías para a concesión dun crédito. Estas garantías son avais de tipo persoal e non patrimonial coa entidade solicitante do crédito. A diferenza dos avais solidarios que esixen as entidades bancarias, o aval mancomunado divídese proporcionalmente entre todos os avalistas, e nunca pola totalidade do importe do crédito. Isto quere dicir que cada avalista, no caso de ser necesario, non responde por máis cantidade da explicitada no formulario baixo o que se regula o compromiso. Á súa vez, cada aval verá reducida proporcionalmente a cantidade pola que responde a medida que a entidade solicitante vaia devolvendo o importe do préstamo. Por exemplo: un avalista que se comprometa por 1.000€ terá que responder por 500€ en caso de que NUMAX deixara sen pagar o 50% do crédito solicitado a COOP57.
Teño que ingresar os cartos?
Non. Esta é unha das preguntas máis recorrentes e posibelmente sexa debido á confusión xerada polo termo «aval», que no caso das entidades financeiras tradicionais pode implicar a conxelación dun capital ou patrimonio. Así que queremos insistir neste punto: o aval con NUMAX é un compromiso persoal que non supón nin inmobilización nin desembolso de diñeiro, depósitos ou fianzas para as persoas avalistas. Este compromiso, como se detalla máis abaixo, só fará efectivo o desembolso de capital en caso de creba da cooperativa, sempre e cando aínda non fora devolta toda a débeda e en función do que reste por pagar logo da liquidación de todos os bens da empresa.
Que arrisco como avalista?
Exclusivamente a cantidade que conste no formulario de aval. Non se responde con ningún tipo de bens patrimoniais nin por cantidades superiores ás avaladas.
Que ocorre se tedes dificultades para retornar o crédito?
Cando se detectan problemas de retorno dun crédito, en COOP57 créase unha comisión de seguimento que se encarga de ditaminar as razóns e motivos da situación e de propoñer a forma de afrontalos, de maneira que satisfaga a ambas partes. COOP57 engade no seu web: «Só no caso de que a entidade que recibe o apoio financeiro de COOP57 se negue a participar na comisión de seguimento se poden exercer as medidas oportunas. COOP57 ten como obxectivo esencial o apoio financeiro a proxectos cun alto contido social. O seu fracaso tamén é o noso.»
En que casos se executaría o aval?
O aval non pode nunca empregarse para afrontar impagos puntuais. Só no caso da creba de NUMAX, S. COOP. GALEGA nalgún momento dos vindeiros 7 anos (6 anos + 1 ano de carencia, como se explica enriba) podería executarse esta fórmula de resposta pola débeda e recorrer aos compromisos asinados polos avalistas. De se dar esta situación, porén, habería que liquidar, en primeiro lugar, os bens materiais da cooperativa, ou, chegado o caso, procurar un traspaso da sociedade que permitira cancelar as débedas pendentes. Se esgotadas todas as vías non se puidese asumir o importe total da débeda, os avalistas deberán responder co seu aval pola parte proporcional da débeda que aínda quede por cancelar. Coop57 procurará sempre ofrecerlle aos avalistas as condicións de devolución máis favorábeis, fraccionando os pagamentos e nunca aplicando recargas ou comisións.
Poremos un exemplo para aclarar este punto: no suposto da creba de NUMAX, cunha débeda pendente de 100.000€ e tras unha liquidación dos bens da cooperativa da que se obteñan 50.000€, NUMAX deberíalle aínda 50.000€ a Coop57 como retorno do préstamo (1/6 do total solicitado). En consecuencia, para este caso os avalistas deberan responder proporcionalmente até completar esta cantidade, de tal maneira que quen avalara, poñamos por caso, 3.000€, responderá por 500€ e quen avalara 1.000€, responderá por 166€.
Durante canto tempo se mantén o compromiso de cada avalista con NUMAX?
Durante os sete anos fixados como prazo de amortización da débeda, a contar desde o primeiro ano de funcionamento.
A cantidade pola que se responde pode aumentar ou reducirse?
Tal e como explicamos anteriormente, a cantidade avalada nunca poderá superar aquela que consta no formulario de aval. Posto que se trata dun aval mancomunado e non solidario, tampouco se responde polo total do crédito solicitado, senón exclusivamente pola cantidade avalada.
E pódese reducir, si. Como diciamos, a medida que se devolve o préstamo, cada aval verá reducida a cantidade comprometida inicialmente de modo proporcional ao importe amortizado na altura.
Por que se fixa unha cantidade mínima e unha máxima para cada aval?
COOP57 estabelece un máximo de 5.000€ por aval polos seguintes motivos: 1) Para demostrar o grao de respaldo das socias da entidade solicitante ao proxecto a financiar; 2) Para demostrar o grao de implicación co tecido social e a comunidade na que se insire por parte da solicitante; 3) Para partillar e minimizar o risco da operación de financiamento entre a solicitante e Coop57, grazas a unha distribución do importe total entre o maior número de avalistas.
Pola nosa parte, decidimos fixar un aval mínimo de 1.000€ dado que unha cantidade menor faría excesivamente longa e eventualmente ineficaz a campaña de procura de avais, tendo en conta que temos que acadar un aval mancomunado por 300.000€ nun prazo relativamente curto.
Cal é a recompensa por avalarvos?
A diferenza das campañas de crowfunding, aquí non se segue a lóxica de corresponder cada achega con obxectos a modo de recompensa. Avalar NUMAX significa comprometerse coa posta en marcha dun proxecto de marcado carácter social e cultural que pretende, asemade, estabelecer unhas condicións laborais dignas para os seus socios traballadores e un espazo de encontro que responda aos requerimentos dos seus usuarios. Nese sentido, a recompensa non pode ser outra que garantir a súa propia existencia e dispoñer, no prazo duns meses, dun local onde poder acceder a unha oferta cinematográfica e bibliográfica inexistente, a día de hoxe, en Santiago de Compostela e a súa contorna.
Ao cabo, o 100% da cantidade solicitada como préstamo está destinada a construír e equipar o cinema, a libraría e o laboratorio e poñelos a disposición dos seus usuarios. A propiedade dos bens é irrepartíbel entre os socios, co cal os únicos ingresos persoais que recibamos serán o salarios derivados da xestión deses espazos co noso traballo unha vez abertos ao público.
A campaña
Para que se realiza esta campaña?
A elección de COOP57 como ferramenta de financiamento de NUMAX, S. COOP. GALEGA é tamén a elección dun modelo que nos permite manter a independencia con respecto á banca tradicional e diversificar o apoio necesario para a súa posta en marcha, de maneira que o control económico dunhas poucas persoas (como sería o caso de simplemente contarmos con dous ou tres socios capitalistas) non interfira na axenda e «liña editorial» de NUMAX.
E así, posto que COOP57 procura por medio deste modelo a creación dunha ampla rede de pequenos avalistas, é necesario abrir o proxecto, aínda en proceso de formación, a todos vós. A campaña ten por tanto dous obxectivos: o primeiro, obviamente, é procurar o número de avais suficientes para cubrir o importe solicitado a COOP57, condición indispensábel para recibirmos o crédito; o segundo, non menos importante, é presentar en público o noso proxecto.
Canto vai durar?
Dividimos a campaña de avais en dúas etapas:
A primeira, que rematou o 31 de agosto de 2014, foi unha campaña baseada na comunicación persoal e tiña por obxectivo principal acadar os avais necesarios que nos permitiran solicitar a parte do crédito destinada ás obras de construción e acondicionamento do espazo. As obras están orzamentadas en 128.000€ e nesta primeira fase sobrepasamos amplamente esta cantidade grazas á xenerosa resposta de máis de cen avalistas, o que nos permite manter as nosas previsións e iniciar as obras este outuno.
A segunda etapa, na que nos atopamos, é unha campaña de presentación pública con difusión en medios de comunicación e presenza na rede. Con ela pretendemos, ademais de darnos a coñecer entre a sociedade, completar a cantidade de avais necesarios para solicitar a parte do crédito que nos permita mercar o equipamento necesario e poder abrir as portas o 1 de marzo de 2015.
Que ocorre se non conseguides avalar o total do crédito? E se o sobrepasades?
Para nós e para a nosa tranquilidade é importante acadar axiña os avais polo total do crédito, como é de supoñer. Porén, o aval é unha das garantías esixidas por COOP57, pero non a única. No caso de non conseguir os obxectivos desta campaña, estudaríamos coa comisión técnica de COOP57 outras alternativas que puideran compensar a contía non avalada, malia que confiamos en manter o plan inicial.
No caso de sobrepasarmos os 300.000€ en avais, a cifra acadada servirá para reducir proporcionalmente a responsabilidade de todos os avalistas.
Como podo avalar a posta en marcha de NUMAX?
Completando este formulario e enviándoo impreso, canda unha fotocopia ou escaneo do teu DNI, Pasaporte ou CIF (no caso de persoa xurídica), ao seguinte enderezo: NUMAX S. COOP. GALEGA Apartado de Correos 34. 15703 Santiago de Compostela
Aínda teño dúbidas, como podo resolvelas?
Escríbenos a [email protected] con calquera pregunta para a que non atoparas resposta e atenderémoste o máis axiña posíbel.