O cinema

NUMAX liga a tradición dos cinemas de Arte e Ensaio cos novos cinemas de Pescuda e Descuberta (Recherche et Découverte), tal e como se están a agrupar na actualidade as salas que tentan anovar de maneira activa as formas cinematográficas e as prácticas culturais. NUMAX toma como referentes algunhas das salas independentes máis atraíntes do panorama internacional, como o Cine Tonalá de México D.F., o Anthology Film Archives de New York ou o recentemente inaugurado ZumZeig de Barcelona.

  • Cun aforo de 70 butacas e 70 m2 de superficie, o cinema NUMAX estará equipado co último estándar profesional de proxección dixital (DCI 4K), que posibilita a exhibición en todos os soportes de alta definición, converténdose así na única sala estábel do centro de Santiago de Compostela con esta tecnoloxía.
  • NUMAX proxectará entre 6 e 8 filmes ao mes, todos eles en versión orixinal subtitulada, distribuídos en 21 sesións semanais, de martes a domingo, que sumarán entre 800 e 1.000 proxeccións anuais.
  • A programación prestará especial atención á estrea de obras cinematográficas que aposten pola innovación formal e temática, e que habitualmente non atopan o espazo axeitado nas carteleiras.
  • Tamén haberá lugar para sesións destinadas a público mozo ou reposicións de filmes clásicos que estabelezan un diálogo coas propostas máis recentes.