Estado do proxecto

Nesta altura, cada unha das persoas socias traballadoras achegamos 8.000 euros e contamos co apoio dunha socia colaboradora que nos permite que o capital social da cooperativa ascenda a 55.990 euros. Temos alugado un local de 190m2 no centro de Santiago de Compostela, o proxecto técnico dos arquitectos para a obra xa visado e todos os trámites de constitución resoltos.

Prevemos iniciar a actividade da cooperativa en marzo de 2015 e a partir dese momento comezar tamén a percibir os nosos salarios (anticipo societario).

Fotografías: Tomás Montes

Desde xuño deste ano somos socios en Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros creada polos traballadores da editorial Bruguera en 1996 coas indemnizacións que cobraron despois de gañar o xuízo por despido. Esta cooperativa finánciase coas achegas dos seus socios e as contribucións e intereses sobre a devolución dos préstamos que concede, sen ningún tipo de comisión engadida, o que nos permite non depender de ningún banco.

Unha vez que Coop57 avalíe positivamente o noso proxecto de viabilidade segundo as súas consideracións (ter interese social, vinculación co territorio e funcionamento con criterios de xestión democrática e autonomía, ser viábel economicamente, ter capacidade suficiente para retornar o importe do préstamo solicitado e ter carácter non lucrativo), estaremos en condicións de solicitar o crédito que precisamos.