O laboratorio

A terceira peza de NUMAX é un estudio de deseño gráfico e produción audiovisual. O laboratorio NUMAX, que ocupará un espazo de 30m2 no semisoto do local, serve tamén de oficina desde onde se coordina toda a actividade interna da cooperativa e onde se procura a vertebración, creación e renovación constante do proxecto.

Ao tempo, o laboratorio NUMAX ofrece servizos a clientes particulares ou empresas que cubren un amplo abano de traballos nos campos do deseño gráfico, a comunicación e a produción audiovisual.

  • Deseño. Entendemos o deseño dun xeito transversal, buscando ideas e solucións de comunicación para todos os medios, sexan en papel, en soportes dixitais ou na rúa. Asumimos tamén tarefas de consultoría gráfica e dirección artística.
  • Edición. Contamos cunha ampla experiencia na produción de libros e revistas, un terreo sobre o que habemos traballar aproveitando as posibilidades de distribución da nosa librería.
  • Vídeo. A nosa dotación tecnolóxica permítenos abranguer todo o proceso de produción de imaxe en movemento, desde a gravación até a edición, postprodución e entrega final do produto no soporte requirido para cada caso. Para traballos que precisen da súa finalización nun soporte físico facémonos cargo da autoría e edición de DVD e BluRay, de todo tipo de transfers dixitais, da conversión e exportación en calquera formato, subtitulado e creación de DCP.
  • Formación. A medio prazo ofertaremos cursos especializados de deseño e edición audiovisual, así como calquera outra formación específica relacionada co noso campo e da que detectemos unha demanda.
  • Deseño de programacións cinematográficas para as entidades que o requiran.