Un lugar de encontro

O cinema NUMAX quere ser tamén un espazo de referencia no que a puxante xeración de cineastas do noso país poida compartir o seu traballo co público da cidade e estabelecer un punto de encontro con destacados profesionais do sector a escala internacional.

  • Seguindo este fin, a sección fixa «NUMAX presenta» organizará, unha vez ao mes, un encontro con realizadores que, ademais de presentar os seus filmes e manter un coloquio cos asistentes, impartirán obradoiros formativos sobre os diversos aspectos do seu traballo.
  • Ademais, en NUMAX consideramos a formación do público mozo un dos alicerces sobre os que debera pivotar todo o proxecto. Dentro dos obxectivos a medio prazo da cooperativa está o desenvolvemento, a través do Laboratorio, dun programa formativo estábel para o ensino primario e secundario, «NUMAX na escola», encadrado nas accións de Público Mozo do programa Media e inspirado no modelo francés Lycéens et apprentis au cinéma e no catalán Cinema en Curs.