Pode ser avalista calquera persoa física ou xurídica.
Supón un compromiso persoal e individual das persoas socias da entidade solicitante e da súa contorna co proxecto a financiar, en base ao principio de coñecemento e confianza. Este compromiso non supón nin inmobilización nin desembolso de diñeiro, depósitos ou fianzas para as persoas avalistas.
Formalízase a través dun documento privado, que non precisa de tramitación notarial, e no que non se solicita información económica nin patrimonial da persoa avalista.
Cada avalista responde exclusivamente pola cantidade que avalara e non polo total do importe financiado por Coop57, no suposto de impagamento por parte da entidade solicitante a Coop57.
O que precisamos de vós é a vontade e o compromiso de avalar unha cantidade comprendida entre un mínimo de 1.000 e un máximo de 5.000 euros, que terá validez durante os sete anos nos que iremos devolvendo o crédito, asinando o documento que vos achegamos e xuntándolle unha fotocopia ou escaneo do voso documento de identidade ou do CIF no caso de persoas xurídicas. Aceptaremos todos os avais que recibamos agás aqueles constituídos por persoas que ocupen cargos públicos electos.
Por último, NUMAX, S. Coop. Galega, de acordo cos principios de confianza e transparencia coas persoas avalistas desta solicitude de financiamento, comprométese a proporcionar unha información permanente a respecto da resolución e evolución da mesma. A saber: o número de avalistas e importe avalado, a resolución da solicitude por parte de Coop57, o contrato do préstamo asinado entre NUMAX e Coop57, calquera incidencia no proceso de amortización parcial e a cancelación da mesma.
Nós os catro somos os primeiros avalistas con 5.000 euros cada un. Para o resto, que fará posíbel poñer en marcha o noso proxecto e construír a única sala de cinema independente no casco urbano de Santiago de Compostela, precisamos da vosa axuda e agradecemos a difusión desta información entre aquelas entidades e persoas que puidesen ter vontade de colaborar.